Asides

diccioeu: a

Aparte Posted on Updated on

abanico: ave migratoria e multicolor, de cola fina e ancha, que abre e pecha constantemente como se sempre estivese dicindo adeus.

acordeón: esponxa musical de gran tamaño.

aire: mar invisible onde os peixes camiñan por ríos sen auga.

alborada: muller mitolóxica, de alta estatura e longos cabelos. de aspecto etéreo. mirada fría de tonalidades azuis, vermellas ou grises. fuxidía e solitaria. desprende unha substancia luminosa e transparente que permanece flotando sobre o aire.

allen (woody): 1_ chiste mental de proporcións cósmicas. 2_ filósofo típico das rúas de manhattan. 3_ disfrace que se compón, basicamente, dunhas lentes grosas de cor escuro e unha perruca co cabelo alporizado. en certas ocasións e, como complemento, pódeselle engadir un clarinete. especialmente indicado para ir á cerimonia dos ÓSCAR.

almanaque: 1_ bloque de doce edificios divididos en 28, 29, 30 ou 31 vivendas, unicamente habitadas por santos e santas. 2_ xoguete decorativo que amosa 365 combinacións distintas. 3_ o traxe do tempo.

amar: 1_ milagre matemático polo cal UN se suma a outro UN, para que o resultado siga sendo UN, sempre e cando non interfira un terceiro UN; feito que podería provocar unha sucesión xeométrica de catástrofes incontrolables. 2_ lugar de paso.

amnesia: aparcamento subterráneo sempre baleiro.

anarquía: 1_ ke kada un faga o ke lle pete sen petarlle ao ke ten enfronte. 2_ estado orixinario do UNIVERSO.

andoriñas: 1_ pingüíns voadores de escasas proporcións que habitan nas trabes dos pendellos. 2_ saloucos do pensamento. 3_ puntos suspensivos do aire en eterno movemento.

antípodas: lugar no que nunca estaremos; agás, naturalmente, nas antípodas da vida.

antonio (manuel): foula. ronsel. marusía. silenzo. distanza. xerfa. xuntando soedades. ortodrómicas. melfas. almanaques. ouceános irremediables. amaremos de novo: os paxaros e as antípodas. nós, que sempre bebemos as soidades do nordés; compañeiro con boina e con cachimba.

araña: penélope tecedora de fíos. costureira do aire; especialista na elaboración de flores de cinza que logo pendura dos recantos dos armarios, paredes, portas: etc….

arco da vella: utensilio de sete cores con forma abovedada que, nos días de chuvia, se utilizaba para buscar tesouros agochados.

armario: lugar do que se sae.

artesa: o galiñeiro dos bolos.

asunción (da María): habitante dos almanaques.

avión: pensamento ruidoso.

Advertisements