XERARDO QUINTIÁ, animal melnacólico

Posted on Updated on

Dende que se dera a coñecer a finais dos noventa, o poeta e narrador Xerardo Quintiá ten desenvolvido unha sólida traxectoria que conseguiu referencialo como un dos máis interesantes autores de entre os xurdidos nestas últimas dúas décadas.

Obras como Finísimo po nas ás (1997), o volume de relatos O libro dos aparecidos (2002) ou os poemarios Poesía en ruta (2007) e o recente Fornelos & Fornelos (2011), entre outros, testemuñan o excelente oficio que o autor foi logrando nestes anos.

Regresa agora Quintiá á arena literaria cunha nova proposta narrativa: o libro de contos Hotel Cidade Sur, editado por Galaxia, casa na que pode atoparse o groso da súa produción e que acolle desta volta oito novas historias ben características do modus scribendi do friolés.

Hai en toda a literatura de Quintiá presenzas e motivos recorrentes, atmosferas que impregnan os seus textos e que viaxan dunha obra a outra, creando un cronotopo xenuíno que se rexe polas súas propias regras e que ten no Fornelos natal, no Friol tribal e no Lugo formativo e vital os tres vértices dun triángulo locativo que aboia nun tempo suspenso, ancorado na memoria dos anos oitenta como eixe referente arredor do que orbita todo.

Neste sentido, o fondo de todas as historias reunidas en Hotel Cidade Sur e mesmo os personaxes, sucesos e alusións dalgúns dos relatos conectan, directamente, co universo trazado en libros anteriores, sobre todo nos amentados Finísimo po na ás e mais Fornelos & Fornelos. Alí estaba xa ese protagonista infantil, medrado entre o alindar das vacas e os ‘puños fóra’ de Mazinger Z, ese neno que batía os carreiros e congostras na compaña de inseparables cánidos —Titó ou Sandokán, igual dá—, o mesmo rapazolo que experimentou a vertixe do primeiro amor, do bico primeiro, e desenraizou ao ter que ir estudar en poboación allea, un tanto afastada do benamado eido natal.

Ese é o mundo —abondo biográfico— que debuxan “A cidade infinda”, “The Paporrubio’s Band” ou “A excursión, un segredo”, iso si, con coloraturas complementarias entre eles: memorialístico e evocador no primeiro caso; xeracional e sociolóxico no segundo; simbólico e emotivo no último.

Xunto aos anteriores figuran outros contos nos que van adquirindo alternante protagonismo a rebeldía xuvenil e o amor fou, a educación sentimental e lectora, a complexidade e mutabilidade das relacións amorosas ou a fraxilidade á que expón os seres o mandado do Alzheimer, mesmo a viaxe imaxinaria dun Carver por unhas horas lugués.

Mais presidindo todos e cada un dos textos de Hotel Cidade Sur paira densa, mesta, a melancolía, ese fluído escuro, humor mouro do espírito que revira o corazón cara a un pasado fuxidío, cara a ese tempo que se foi para non volver, pois levou con el xentes e momentos idos por sempre, presos a nós unicamente polo feble fío da memoria.

Hai neste libro espectros caros ao autor, algúns ben próximos (Casares, Cunqueiro…), outros de alleas terras (Carver, Saroyan…), mais decote sombras tutelares que acompañan unha escrita diáfana, que serpea caudalosa e fluente ata arrastrar as augas da historia a remates sobexo lacónicos, tramados de infinda nostalxia.

Hotel Cidade Sur é a xorda elexía dun mundo periurbano e rural que se extingue, ou mellor, que muta ata se converter nun novo territorio que é percibido como hostil, inhóspito, desolador. E é que, na secura deste planeta melancólico, só a palabra poderá ser para nós sede de auga e a escrita de Xerardo Quintiá un bálsamo esconxurador co que sandar tanto arder das lembranzas.

ARMANDO REQUEIXO (CRITICALIA)

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s